2018-2022

taller de público(s)

Un proyecto de la programación expandida de TRCDanza
Coordinación programación expandida TRCDanza
Caterina Varela
Coordinación Taller de Público(s)
Sabela Mendoza, Caterina Varela

O Taller de Público(s) aparece dentro do marco da Programación Expandida do TRCDanza 2018, o proxecto de aproximación ás artes do movemento do Teatro Rosalía de Castro de A Coruña. 

Sinopse:

Se asistir ao teatro é unha experiencia transformadora, sen dúbida o noso rol como público(s) vai moito máis aló do rato que pasamos nunha butaca. Se ademais falamos de sermos público(s) hoxe das artes do movemento, o que se produce é sempre un desprazamento das pezas, que nos pode levar cara a moitos lugares, ou mover o chan do lugar no que estamos.

Este taller está pensado para afondar nas posibilidades e resonancias que esta experiencia –a de sermos públicos das artes do movemento– pode provocar, tanto en cada un ou cada unha de nós individualmente, como no conxunto das persoas que participamos, como público(s), do acontecemento singular e único que é sempre unha obra escénica.

Para isto, abriremos portas a todo aquilo que nos leva a ser público(s) despertos e activos, compartindo materiais e recursos sobre as linguaxes contemporáneas do movemento, sobre os procesos e obras dos creadores que están a darlles forma, sobre a experiencia do efémero, e sobre o que acontece despois de asistirmos á escena. Traballando a mirada dende o corpo sensible. A programación do ciclo TRC Danza serviranos como fío para a reflexión e o debate. As dinámicas do taller serán diversas, mesturando a teoría e a práctica, e procurando abordar a experiencia de sermos público(s) dende distintas prácticas que alimenten o debate –dende o visionado de vídeos e imaxes, pasando por lecturas comentadas e referencias, ata pequenos exercicios de escrita.

A vontade é a de compartir as distintas derivas que emerxen no campo da danza e da creación contemporánea hoxe en día, acompañando a programación do ciclo TRC Danza. Un convite a todas as persoas interesadas no campo da danza e da creación contemporánea, curiosas de ampliar a súa mirada dende unha posición de espectadores activos.